GL | ES | EN
10/02/2026

A Cátedra ALDABA-WIB reforza o seu compromiso coa igualdade e a promoción do talento tecnolóxico na súa axenda 2026

Imagen de noticia

Premios ao talento
Na súa aposta por recoñecer o esforzo académico e promover a igualdade, a Cátedra crea os I Premios ao Mellor TFG ALDABA-WIB.
Este galardón nace coa vocación de abrir camiños e derrubar barreiras, impulsando a participación feminina no mundo tecnolóxico ao poñer en valor proxectos universitarios que, dalgún modo, contribúen a reducir a brecha de xénero nas TIC.

Vídeos pola Igualdade nas TIC
Como parte do seu compromiso coa sensibilización desde idades temperás, a Cátedra impulsa un certame de vídeos dirixido a centros educativos de Galicia, coa participación de alumnado de 1º e 2º da ESO.
A través de pezas audiovisuais breves e pensadas para redes sociais, a iniciativa convida a reflexionar sobre a igualdade de xénero no ámbito das TIC, abordando estereotipos, acceso á tecnoloxía e expectativas de futuro desde unha linguaxe próxima e participativa.

As bases e inscrición para ambos os premios están dispoñibles na web da Cátedra (wib.aldaba.es).

ALDABA-WIB tamén participa, un ano máis, nos galardóns aos Mellores TFG Aplicados da Facultade de Informática da UDC. Estes recoñecen aqueles traballos cun maior potencial de aplicación e relevancia para a sociedade.

Actualización do Barómetro BBG-TIC
O Barómetro da Brecha de Xénero nos estudos TIC (BBG-TIC), desenvolto pola Cátedra, actualizarase cos datos do curso 2024/2025.
Esta ferramenta dixital de consulta gratuíta permite analizar a evolución da presenza de mulleres en titulacións do ámbito TIC das universidades da Coruña e Vigo, tendo en consideración numerosos filtros e criterios temporais e contribuíndo á toma de decisións baseadas en datos para promover a igualdade.

Charlas divulgativas
A Cátedra continuará impulsando os seus programas de orientación e divulgación tecnolóxica a través de dúas iniciativas crave.
Por unha banda, VisibilizaTIC está orientada ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato de centros educativos da Coruña, Ourense e arredores. O programa busca espertar vocacións tecnolóxicas, especialmente entre as novas, achegándolles exemplos reais de mulleres profesionais no ámbito TIC.
Por outro, o Ciclo de charlas: Aplicación Práctica das TIC na Empresa, que se dirixe ao alumnado universitario. Estas sesións ofrecen unha visión práctica sobre como as TIC se aplican en contornas empresariais reais, fomentando a adquisición de competencias aliñadas coas demandas do mercado laboral e facilitando a inserción profesional.

ALDABA TIC-Camp: fomentando vocacións desde a infancia
En 2026 celebrarase unha nova edición do ALDABA TIC-Camp, campamento tecnolóxico para nenas e nenos de entre 6 e 12 anos.
Durante a iniciativa, os participantes poderán experimentar con drons, programación de robots e aplicacións, e deseño 3D, entre outras dinámicas.
O obxectivo xeral do campamento reside en fomentar o interese pola tecnoloxía desde idades temperás e contribuír á igualdade de xénero no ámbito TIC, polo que o 80% das prazas estarán reservadas para nenas.
A temática da edición 2026 anunciarase nos próximos meses

Programa de bolsas
Como parte do seu compromiso co talento e o vínculo entre universidade e empresa, a Cátedra impulsa un programa de bolsas dirixido ao estudantado universitario. A través del, as persoas bolseiras poden colaborar en proxectos de ALDABA e desenvolver as súas competencias técnicas e profesionais nunha contorna práctica e colaborativa.

Sobre a Cátedra ALDABA-WIB
Foi creada en 2019 e promove a colaboración entre universidade e empresa para avanzar cara a un sector tecnolóxico máis igualitario e humano. As súas liñas de actuación inclúen o impulso do talento feminino nas TIC e o apoio a estudantes para facilitar a súa inserción laboral.
A Cátedra e as súas iniciativas.

Para máis información contactar a info@wib.aldaba.es.