A Cátedra ALDABA WIB: Women, ICT & Business foi constituida en setembro de 2019 por ALDABA, Universidade da Coruña e Universidade de Vigo, co obxectivo de potenciar e enriquecer o progreso das TIC: por un lado, promovendo unha crecente participación das mulleres no seu desenvolvemento; e, por outro, estabelecendo canles bidireccionais de colaboración entre a universidade e a empresa.
Os centros adscritos a esta Cátedra son a Facultade de Informática, no campus da Coruña da UDC, e a Escola Superior de Enxeñaría Informática, no campus de Ourense da UVigo.
Unha das liñas estratéxicas que contempla a Cátedra é contribuír á formación de alto nivel das futuras xeracións de graduadas e graduados da FIC-UDC e da ESEI-UVigo, a través de actividades que acheguen ao corpo estudantil as necesidades e posibilidades de uso das TIC en empresas. Tamén, facilitar a súa integración no mundo laboral, fomentando a adquisición das competencias, coñecementos e habilidades que demanda o tecido empresarial galego.
Por outra parte, a Cátedra promove o desenvolvemento de actividades que contribúan a dar visibilidade ás achegas das mulleres no mundo das TIC, con vistas a xerar referentes para espertar o interese de nenas e mozas en carreiras tecnolóxicas. E tamén fomentar a difusión das innumerábeis e salientábeis contribucións das TIC na mellora dos servizos sociais, culturais, da saúde e, en xeral, da visión máis humana do progreso, lonxe de estereotipos puramente tecnolóxicos.
Ao tratarse dunha Cátedra interuniversitaria, con ela búscase, ademais, promover sinerxias entre ambas Escolas de Informática, propoñer actividades conxuntas y estreitar lazos.